A Castañeira


Outubro mes das noces, dos cogordos, dos figos, e tamén dos marmelos. Mes no que os castiñeiros comezan a “pingar” as primeiras castañas. Tempo da recolleita dos primeiros froitos de outono. Momentos e lembranzas dos mellores recendos.
 Lembro a miña nai, aínda non fai moitos anos, varexando as nogueiras, recollendo, limpando e lavando as noces. Vexoa na cociña, picándoas para facer unha rica bica de nata con noces… case que podo sentir o aroma e a calor daquel doce recén feito!!. A mesma sensación que teño si penso naquela marmelada de figo ou no xarope daqueles marmelos tan amareliños, ásperos de pel pero de embriagador cheirume.
Cos figos, meu irmán Tino e eu, perdíamos o sentido. Lembro unha figueira que meu tío Urbano tiña o carón da bodega, cun fermoso tronco cheo de buraquiños e grosos nós de tan vella que era. As gallas, cheíñas de figos, caían xusto enriba do lousado. Xa imaxinaredes cal era o noso sitio preferido para xogar neste tempo. Claro que logo levabamos unhas boas reprimendas!!. De feito, aínda escoito a meu tío dicíndolle a miña nai:
“Benita vela polos rapaces, que van xogar pro lousado, moven todas as lousas, e cando  chove as pingadas estráganme a bodegha…”
Tamén era moi normal en min, que perdera a noción do tempo por aqueles soutos e montes adiante, mentres ía a buscar os cogordos, cousa que  me gustaba moito facer. Aínda me gusta, mágoa que agora estean moi buscados. Antes, a meirande parte da xente non os comía, e daba gusto chegar co canastro cheo deles. Eu, como non entendía cales eran velenosos e cales non, limitábame a coller só lepiotas e macro-lepiotas. Era unha regalía chegar a un souto e atoparme cun montón deles, algúns eran enormes, case semellaban antucas de antigas damiselas coas que se escondían do sol e de miradas ardentes no seu paseo…
Pasábame, e pásome, horas por aqueles soutos, pasmando coa cor alaranxada das follas cubrindo o chan… abraiándome cos claros e as sombras… contemplando as luces e os raios do sol filtrándose nas fendas das “caracochas”  dos velliños  castiñeiros.
 Si facemos un percorrido polos soutos da miña terra, atoparémonos cun bo número de castiñeiros centenarios. Esa árbore de groso tronco que, de tanto deboucalo para cortarlle a madeira, se vai deformando marabillosamente, deixando nel o paso do tempo, a súa pegada, formando as sorprendentes “caracochas” dun xeito espectacular.
Esas covas de madeira servíannos de refuxio e lugar ideal para os nosos xogos, cando de pequenos íamos co gando. Tamén eran un bo sitio para a intimidade e escárceos amorosos de mozos e mozas.
O castiñeiro é para min unha das árbores máis fermosas que podemos atopar na nosa Galiza. E, posiblemente, a máis importante no desenvolvemento da vida das nosas aldeas; dándolle leña, madeira, sombra e refuxio, pero sobre todo servindo de alimento básico dos nosos devanceiros e tamén, cómo non, para o seu gando.
Contaba miña nai, que despois da guerra, nos “tempo da fame”, como lle chamaba ela, a maioría das familias alimentábanse básicamente de castañas.
“Para almorzar, castañas mighadas no leite; para o mediodía, castañas con ovos, chourizos ou torresmos; e  para cear, … castañas asadas!”
As castañas son o rico alimento que os nosos castiñeiros nos regalan. O froito é o ourizo, con forma redondeada e cuberto por espiñas moi punzantes, pero pola contra o seu interior, onde se agocha a castaña, é de unha suavidade asombrosa, moi semellante o veludo, como querendo coidar con moito agarimo e esmero o prezado manxar.
Alá polos finais de outubro comeza a “pingar” a castaña. Si ven bo tempo, e se pode contemplar o proceso da castañeira momento a momento, é un auténtico deleite para os sentidos dos que gustamos da montaña e de andar de souto en souto…
Primeiro, os ourizos abren a súa porta para deixar sobre a herba verde dos soutos as súas sementes. Semellan como preciosas pedras redondas de un marrón brillante cubrindo o chan, as castañas!.
Logo secan os ourizos e as follas, e ao tempo que caen ao chan, van tapando completamente herba e castañas, como si dun gran manto se tratara. O resultado son soutos cubertos de fermosas cores en todas as gamas de marróns, laranxas e ocres .
Ese é o motivo por o cal, rematado novembro, se fai o “rebusco” nos soutos, que consiste en ir levantando follas e ourizos cunha “ghancheta”para non picarse e así poder recoller as castañas agochadas debaixo.
As veces pasa, que o vento maila choiva celeran o proceso e os ourizos caen ao chan sen abrir. Iso converte a castañeira nun verdadeiro calvario para os nosos dedos, cando os abrimos os picos atravesan as luvas sen ningunha dificultade, e sen piedade, así se defenden para que non podamos roubarlles  o seu tesouro…
Tesouro protagonista dunha das festas máis celebradas nas terras galegas, sobre todo na provincia de Ourense: O Magosto!!.
Pero do Magosto, e de algunha lenda que con el ten que ver, contareivos noutra ocasión…alá por NOVEMBRO…
                                                                                                                                                                                                                               Mila.

3 comentarios:

  1. Hola Mila,
    Gústanme as historias que nos contas. Segue por ese camiño descubrindo á poeta-escritora que levas dentro.
    Moitos biquiños, a tua sobriña Sonia.

    ResponderEliminar
  2. Me alegra que che guste, grazas!!. xa sabes, cousas dos nosos devanceiros...a maxia e misterios das súas lendas e a súa maneira de vivir...bikiños moitos corazón

    ResponderEliminar
  3. Me alegra que che guste, grazas!!. xa sabes, cousas dos nosos devanceiros...a maxia e misterios das súas lendas e a súa maneira de vivir...bikiños moitos corazón

    ResponderEliminar