As coma nós



A miña nenez foi mantida case que en exclusiva pola miña avoa materna,  quen alimentaba os meus febles ósos a base de caldos e enchía a miña cabeza de historias e lendas fantasiosas que sementaron a miña maneira particular de ver a vida dende aquela. Porén, do primeiro quedei farta ata o punto de chegar á aversión e, polo segundo, estoulle tremendamente agradecida por aprenderme a vivir o meu mundo cunha visión máxica e tenra.
As coma nós”, somos diferentes. “As coma nós”, temos certas cousas que as demais mulleres non teñen e que debes aprender a manexar por ti mesma, para cando che chegue o día ¿Entendes, meniña? – Adoitaba dicirme.
Eu, loxicamente, non tiña idade para entender nada, pero era todo ouvidos. O avó, mentres, bebía viño dunha cunca e, ensinando as súas enxivas tras un sorriso burlón, engadía: “pon atención rapaza, vaiche facer falla”.
A avoa Eusebia, ben galega ela, das de antes, semellaba nos primeiros tratos algo xota, pero na que a coñecías e che tomaba confianza resultaba agarimosa e chea de tenrura. Tocáralle vivir nun mundo de homes endurecidos polo traballo, as guerras e a fame. Onde as mulleres eran o motor e a alma do fogar. Ela tiña un espírito libre, loitadora e chea de inquietudes. Xa era así de cativa, por iso de moza emigrou para Cuba, o que lle axudou non so a adquirir mais coñecementos se non tamén para abrilos ollos a un mundo ben diferente ao que coñecía. Tiña moitas habilidades e era apreciada por costureira, curandeira e parteira, pero tamén por saber contar de memoria todas as lendas do lugar, que despois bulían de boca en boca.
Eu xa daba por contado con que tiña moita facilidade para as historias e para estimulares as miñas emocións. Pero aquel día, por a seriedade coa que me falaba, decateime que o que me quería contar ía moito máis aló dunha das súas lendas cotiás.
“Meniña, tes que aprender isto de corrido. No mundo hai tres clases de mulleres. As normais, que teñen a cara estragada polo clima, a alma rota polos defuntos e o corpo envellecido polos partos. Logo as feiticeiras, que comen allos crus, enganan a xente para sacarlles os cartos, e cagan peidos fedorentos e de xofre”. Despois claro, estamos “as coma nós”. “As coma nós” coñecémonos entre nós, pero os demais chámannos as Femias-Lúa.
E continuou. “Tes que saber miña rapariga, que houbo un tempo no que a vida por estas terras foi moi difícil de levar. Era tanta a miseria e a fame que as mulleres non preñaban pola debilidade do seu corpo e pola sequidade do seu ventre. Alá pola parte das Hermidas, de onde veñen os nosos devanceiros, a cousa era moito peor, unha peste acabou con todo o gando. Meniña, a xente cocía herbas e follas das árbores para comer!”.
Agora puxo cara moi seria mentres dicía: “Contoume a miña avoa, é dicir, a túa tataravoa, que entón as mulleres, xa desesperadas, comezaron a realizar ritos pagáns invocando á fertilidade, pero que ningún sortilexio lles deu resultado e que pasaron varios anos nos que non houbo ningún nacemento nos arredores”.
Alegráronselle os ollos cando engadiu: “Pero de súpeto, unha noite de xuño na que as nosas montañas eran alumeadas por unha grande e fermosa lúa chea, as mulleres en idade fértil comezaron a sentir que un descoñecido lume ardía nas súas entrañas, e guiadas por unha estraña arroutada saíron das cabanas e, nunha especie de peregrinación, chegaron onde a Cova da Serpe baixo o Penedo Longo. Logo, formaron un círculo coas súas mans collidas e xiraron, pasiño a pasiño, acompañándose de sons guturais. Nunha destas, e todas a un tempo, espíronse por completo e botaron a correr coma tolas monte abaixo ata meterse noPozo Saghrado do río Cereixo”.
Mais tarde, xa deitada na cama, me contou o final da lenda: “Disque din que algunha soubo, en segredo, que si se bañaban no río e refregaban a súa pel cos reflexos da Lúa púñanse en celo no momento e eran aptas para ter fillos. Despois terían que tombarse no chan ofrecendo o seu corpo a Lúa para ser cuberto pola súa luz. Cando a caprichosa e brillante Lúa se entoxaba dalgunha delas deixábaa preñada ao instante, pero -como sinal de sometemento- esixía que a muller afortunada se gravase unha pequena lúa en cuarto crecente no seu ventre. Ademais era obriga que, se a criatura nacida era femia, a nai debería engadir, dentro dos corenta primeiros días despois do parto, unha estreliña de cinco puntas na súa tatuaxe”.
Por iso, hoxe, cando me estou a vestir, invádeme un sentimento de tenrura infinito de lembranza da miña avoa, cando observo a miña Lúa e as súas dúas estreliñas da miña barriga reflectidas no espello.
Síntome, coma ela, tamén unha femia-lúa.
- Xuro!!.

No hay comentarios:

Publicar un comentario