Os Mouros en Trez

A MOURA DO PENEDO DO CASTELO...



Se o inverno é tempo de contos de medo ao carón do lume na lareira, sentindo ruxir o vento a través das lousas dos tellados, no estío son propios os cantos, festas e alegrías, as merendas ao carón das fontes e ríos e tempo, tamén, das botas de viño e xarras de auga melada.

Lembro aqueles veráns de duros traballos, case sempre baixo os abafantes raios do sol, como a sega da herba, a empalleira, a seitura ou as mallas. Ás veces ó alborexar, aínda semella escoitar o canto dos carros carrexando a herba para encher as palleiras, ou traendo a leña para facerlle fronte os duros invernos.

Pero tamén lembro que sempre se atopaban momentos para disfrutar... momentos de pracer, como degustar á sombra dos amieiros ou bidueiros, as suculentas merendas que levaban ao monte naquelas cestas de vimias, feitas moitas delas por meu curmán Sidiano, o mellor e máis experto cesteiro de por alá.


Imposible esquecer a rica auga daquelas fontes... case que podo sentir a frescura daqueles ríos ... o canto da auga no seu lixeiro camiñar cara terras máis chas ata xuntarse con augas máis tranquilas e silandeiras.

O mellor de todo era que, daquela, todos se axudaban uns aos outros nas tarefas do campo, polo que o traballo rematábase antes e, por suposto, despois de encher ben os bandullos, as bromas e xoldas, sobre todo entre os máis novos, estaban aseguradas.

Aínda podo oír as risas que nos botabamos mentres baixabamos coma bolouros dende o alto do lameiro ata o río. Algún proveito lle tiñamos que sacar aqueles lameiros nosos, tan empinados eles... 

O que máis nos gustaba era tirarnos enriba dos palleiros cando estaban xa rematadiños e ben feitiños. Ao meu tío Agripino levábao o demo que fixeramos eso, e non era sen razón. Botábase a correr detrás de nós berrándonos:

“ Ai recaralliño!, condanados rapaces, como me desfaghades o palleiro douvos ca aghillada”

E xa logo, despois de cear, as xuntanzas adoitabanse facer na rúa, sentándonos uns e outros nas escaleiras dalgún veciño, a miúdo era nas de meus avós, nas da miña tía Piedade ou tamén nas da casa de miña curmá Hortensina. 

Xa era o tempo de   tomar o fresco da noitiña despois das calores pasadas. E sobre todo era o tempo para relaxarse entoando algún que outro canto, case sempre con contidos máis ben picantes, e contar algúns  contos,  ás veces baseados en feitos reais e outras veces eran inventados, pero case sempre con certo grao de misterio.

Unha das crenzas populares máis destacadas alá pola miña terra eran os contos e lendas dos Mouros e Mouras, criaturas mitolóxicas e sobrenaturais cuxos pobos o parecer se extendían por gran parte do norte da Península Ibérica. Co paso do tempo estes seres foron relacionados ca presenza musulmá no noso país e cos invasores do norte de Africa. 

Parece ser que os Mouros eran individuos de gran tamaño e moi moi forzudos, de pel escura e tremendamente escorregadizos, que vivían en covas e que moi raramente abandonaban os seus túneles subterráneos, facendo toda a súa vida baixo terra. Ao parecer adicábanse a extracción de ouro (dicían que de aí o seu nome), e a coidar e gardar grandes tesouros.

Das Mouras contaban que eran de gran beleza, de pel branca e louros cabelos longos. Elas si adoitaban saír a superficie. Había veciños do lugar que contaban da súa sorte o conseguir velas, sentadas á beira dos ríos ou fontes, peiteando os leus longos cabelos e seducíndoos ca súa mirada feiticeira.

Dicíase que eran seres de grandes poderes, capaces de mover grandes rochas e penedos, incluso de cambiar o canle dos ríos ao seu antollo.

Contaban que na cova do “Penedo do Castelo”, unha enorme pedra que se atopa o pé do “Monte da Lagharteira”, alá o pé do río de Teixeiras entre as aldeas de Trez e Cerdedelo, habitaban os Mouros.  Din que posuían grandes tesouros, pero que a súa principal encomenda era ser os gardiáns dunha arca de ouro que din que está enterrada no “Barranco  da Lagharteira” ou na Pica, un dos altos cúmios que forman parte  da serra do Fial das Corzas.

Conta a lenda, que os nosos devanceiros, cando ían co gando aos lameiros de Teixeiras, de cando en vez, podían albiscar unha fermosa Moura. Que a atopaban unhas veces  no alto do penedo, outras bañándose no río ou sentada o pé da fonte peiteando o seus cabelos e entoando cánticos fermosos pero imposible de descifrar. Seica era de unha beleza extraordinaria, que os seus cabelos brilaban coma o ouro, cuns fulgores igualiños aos raios do sol. Pero  que segundo se ían achegando para falarlle, a Moura desaparecía. E que máis de un home chegou a tolear por estar perdidamente namorado dela pola  súa beleza e os seus feitizos.


Tamén dicían que a ninguén se lle ocorrera entrar naquela cova porque á persoa que ousaba entrar nos seus labirintos subterráneos, os Mouros a convertían en rocha e acabaría no fondo do río.

Sempre nos sentimos atraídos e seducidos por a beleza, a maxia, o misterio...

Pero lembrade... !! podemos rematar convertidos en frías e duras rochas... !!!











No hay comentarios:

Publicar un comentario