Mimosas


XA ESTAN AS MIMOSAS EN FLOR...!!!

Todos coñecemos ben as mimosas, ou acacias, como lles queirades chamar. Esas árbores que despois de pasar un ano adormecidas, alá polos finais do inverno e comezo da primavera deciden colgarse os seus preciosos pendentes de brillantes dourados.


De pronto sorpréndenos o monte cubríndose con delicados pomponciños aterciopelados de rechamante cor amarela. Son as mimosas. Primeiras flores da primavera. Fragrantes e suaves coma un pano de seda dourado, perfumado cun inesquecible aroma.Toda unha explosión de cor e vida, con ese amarelo cálido brillante, contrastando co verde fresco da paisaxe invernal galega.




Con arbores a seu carón, dos que aínda non empezaron a brotar as primeiras follas, as mimosas anuncian a primavera dándonos un anticipo do que queda por vir. Espectáculo inesquecible, son un auténtico regalo para os nosos sentidos!!

A mimosa é unha de esas plantas que provocan amor para uns e odio para outros, incluso nalgunhas persoas provocan amor e odio o mesmo tempo. Hai xente que as aborrece, con razón, porque lles provocan unha tremenda alerxia. Hai tamén quen non soporta o seu cheiro. Pero algunhas, como a que vos conta, nos encantan, ben porque simplemente nos resulten espectaculares a vista, porque nos fascine a súa cor e fragrancia, ou porque teñan un significado especial ou sentimental na nosa vida.

De feito o perfume que máis me gusta é Anaïs-Anaïs, por emotivos e  sentidos motivos…, pero tamén porque no seu arrecendo atopo certa semellanza a mimosa.

É unha delicia por exemplo facer unha viaxe dende Vigo a Ourense nesta época, sobre todo cando nos imos achegando a zona do Ribeiro. Igualmente podemos gozar dando un paseo tranquilamente pola beira do Miño na cidade de Auria onde podemos admirar  o entorno e nos dará a benvida o sedutor cheiro das mimosas. 

Tamén é verdade que se trata dunha planta moi invasora e incluso nalgunhas zonas de Galicia, como é o caso da comarca do Ribeiro, están a ter serios problemas con elas, xa que ameaza ás especies autóctonas do entorno. De feito as extensións de mimosas nos montes galegos cada vez son mais grandes. É unha  magoa que produzan danos no ecosistema porque é un verdadeiro pracer poder admirar os montes cubertos por elas.

Unha curiosidade sobre elas, que de seguro mais de un xa coñecedes, é que a mimosa non so é mimosa, senón que ademais é moi tímida....as súas follas escóndense o contacto dunha caricia. E moi sensible o tacto e ao mínimo contacto cas súas follas estas contráense sobre o tallo como si se cerrara. É o seu mecanismo de defensa contra posibles depredadores. Por iso que nalgunhas zonas lle chaman “non me toques”.

Cada ano por estas datas volven a min as mesmas sensacións cando o mirar cara  o monte empezo a albiscar as primeiras mimosas. Contemplalas en todo o seu esplendor así como percibir o seu aroma, a min semelláseme como unha caricia na alma.

Pecho os ollos e véxome en Ourense, na casa de meus pais en Barrocás, cando ao espertares pola maña cedo abro a xanela e velas aí están!. Xa está o Monte-Alegre cuberto cas mimosas en flor.

Agasallos que nos manda a nai natureza!.

Sempre me gustou ese monte coronado coa súa gran Cruz. Nesta época, cada venres corría a buscar un bo ramo delas. Meu pai odiábaas, pero como sabía que a min me encantaban non me dicía nada. Logo, como fan todos os pais, escoitábao dicíndolle a miña nai....

-“xa esta a rapaza co demo das mimosas...anda muller, tíralle con elas”.

Nos nosos benqueridos montes do Fial das Corzas coido que hai moi poucas, o menos de momento, pero eu tiña a sorte de poder disfrutalas cada ano por primavera. Na estación de Cerdedelo, case pegadas os carrís da vía do tren, hai un pandeiriño de terreo cheo delas.

Lembro  cada Semana Santa que iamos a pasar as vacacións a nosa casa en Porto Vilar, unha das primeiras cousas que facía era baixar a coller uns bos ramos delas para poder admiralas en casa…qué ledicia daquela!!


Dende sempre quixen ter unha Acacia no xardín pero Manuel me dicía que era mellor que non, que despois non nos daríamos desfeito delas. Teño que dicir que tiña moita razón, pois un día por fin plantamos unha, que por certo se puxo preciosa, pero agora saen milleiros delas a carón da que puxemos. Certamente son moi invasoras!!. Supoño que en breves non lle quedará máis remedio que desfacerse dela…unha mágoa!!


Tamén lembro, inda que xa se perdeu unha gran parte desa tradición, tanto en Trez coma en Cerdedelo, o sábado de Semana Santa celebrábase a “noite das trampas”. Noite de ilusión, xoldas e alegrías…

O caer a noitiña formábase unha xuntanza de todos os mozos e mozas nunha gran cea con degustación de rico cabrito, cordeiro e boas bicas, todo ben regadiño con bon viño e licor café.

Despois  baile amenizado por a charanga de Cerdedelo. Pandeiros, tambores, gaitas e panderetas…Por certo, tocaban moi ben todos eles. Claro que o mellor, para min e sen desmerecer os demais, era Manuel. El arrincaba o son da gaita galega dun xeito especial, tanto que era unha ledicia escoitalo…Benditas mans as súas que todo o facían ben!!



Cantas lembranzas cheas de vida, bo humor e ledicia!!




Logo os mozos argallaban as mil e unha enchendo de trampas toda a aldea: carros atrancando as rúas, cancelas que acababan no río, burros que cambiaban de curral, paredes recen feitas que pola maña aparecían esborralladas... etc.

E xa  a iso da media noite ían o río, ou regatos, a cortar o chopo mais alto para poñelo no medio do pobo. Facían tremendas falcatruadas.

Esa noite comportábanse como auténticos brutos cos veciños pondo todo na aldea patas a riba, pero puñan toda a súa delicadeza e sensibilidade agasallando as mociñas do lugar.

 Antes de despuntar o día recollían tamén un boa chea de mimosas... preparaban uns fermosos ramiños para cada moza, o que mais e o que menos andaba a facerlle as beiras a algunha. Logo deixábannolos, xunto cuns caramelos ou outras lambetadas, na xanela da alcoba, para que nos atopásemos ca primavera e mailo amor nada mais levantarmos…

Pola mañá cando toda a xentiña se levantaba armábase tremendo alboroto, os pais e veciños de cada casa  botaban pestes  por todo o que os mozos argallaran na ditosa  “noite das trampas”, pero ...

As mozas andabamos todas contentas coma cucos cos nosos ramiños e caramelos. Algunhas cheas de ledicia quedabamos porque eran de noso amor. Outras tamén contentas por o detalle de seus amigos e irmáns, ca esperanza de poder atopar tamén  algún día o agasallo de seu namorado...

Eu... sigo soñando cas mimosas cada primavera...

No hay comentarios:

Publicar un comentario