O Entroido


O Entroido é celebrado en toda Europa dende épocas descoñecidas. Non se sabe con certeza a súa orixe, algúns cren que vén da tradición celta, outros afirman que os comezos desta festa pódense atopar na adoración a Baco ou a Dionisos.

Coa chegada do cristianismo, moitas das festas pagáns, que eran antigamente celebradas, foron tomadas e cristianizadas. Deste xeito, esta celebración que tiña posiblemente o seu significado na despedida dos longos e duros días do inverno, mesturouse coa despedida da carne antes do período de abstinencia da Coresma, que comeza no día Mércores de Cinza.


En Galicia conservamos o Entroido máis ancestral do mundo, pero é na provincia de Ourense, no triángulo máxico formado por Laza-Verin-Xinzo, onde penso que mellor conservamos e desfrutamos do Entroido máis antigo e con rituais pagáns que se prolongan durante semanas. Época na que se poden romper todas as normas, cambiando de personalidade ou identidade e ironizar sobre as institucións mais asentadas.

Os períodos da esmorga neste triangulo coinciden, e son: Domingo Fareleiro, Xoves de compadres, Domingo corredoiro, Xoves de Comadres, e logo xa Venres, Sábado, Domingo, Luns e Martes de Entroido. Nalgún remata o Mércores de cinza e noutros remata o Domingo de Piñata.



Tempo para a diversión e para o bo xantar, porque inda que en todas as festas de Galicia a comida sempre foi un elemento fundamental é a Gastronomía outra compoñente importantísima máis do Entroido Galego.

Bandullo, soá, chourizos, lacón, cachucha e cabrito, xunto co seu indispensable acompañamento de repolo, grelos, garavanzos ... etc ... “manxares galegos”.

Todo isto regado cun bo viño: Mencía, Amandi, Godello ou Ribeiro, ao gusto do consumidor.

Para sobremesa bicas, orellas, roscón, filloas, flores... se ademais o acompañamos con licor café, licor de herbas ou Xastré... ou ben rematamos cunha boa queimada... un deleite para os sentidos!

Despois de entroidar todo o día, un bo xantar ou cena destes que fan resucitar ata os mortos e volta as xoldas e correrías.

Farei agora un percorrido polo mencionado triángulo. Cunha parada un pouco máis de vagar en Laza, porque é co que eu crecín, polo tanto o que máis coñezo.

Laza


Na meirande parte das aldeas do concello de Laza celébranse ao longo do ano grande cantidade de festas populares, onde a que máis ou a que menos pode resultar de grande interese. Pero posiblemente a máis importante de todas elas, ou dende logo a que todos os veciños da bisbarra agardamos sempre con máis ledicia e ilusión é o Entroido.

Inda que durante a dictadura de Franco estaba prohibido, en Galicia seguíase a celebrar ás agochadas e sobre todo polas noites. Lembro que en Trez, os Peliqueiros saían aos montes a facer as súas piruetas e correrías para que a Garda Civil non os pillara, e logo xa pola noite visitaban aos veciños percorrendo casa por casa, onde lles ofrecían roscón, bica, filloas e algún típico licor da zona.

Comeza oficialmente o primeiro día do ano, e prolóngase ata o domingo de piñata. Os cativos, e non tan cativos, agardabamos con moita ledicia que chegaran as badaladas anunciando o fin de ano, pero non por a chegada dun novo ano, senón porque con elas nos anunciaban as mellores troulas e xoldas... o mundo ao revés... tempos de soñar... tempos de ENTROIDAR.

Era nese momento cando comezaban a soar os chocos... por fin, despois dun ano de espera, regresaban os Peliqueiros, aínda que de momento só era cos chocos. Os mozos, aínda sen lucir os seus traxes que estrearían o domingo de Entroido, colgaban os cintos con todo o peso dos chocos e, zamarra en man, percorrían toda a vila rúa arriba e rúa abaixo repenicándoos, e batendo arreo a todo aquel que ousaba molestalos.

A partires dese momento cada día podía ser bo para enfariñar a alguén ou botarlle cinsa ou auga, dende algún corredor, ás xentes que pasaban por debaixo. Lembro aqueles días en que nada máis saír da escola o principal divertimento para nós era “fariña vai e fariña vén”, todos branquiños, coma a neve; en máis dunha ocasión algunha de nós rematamos “plantadas nun saco de fariña”, cabeza abaixo por suposto.

Logo, cada venres, organízase un pequeno folión que vai sendo un adianto do que será o Gran Folión do venres de Entroido. É unha especie de procesión de persoas que portan fachóns de palla acesos, “cobelleiros” (tallos das verzas grandes) e algún outro tipo de instrumentos cos que facer moito ruído.


O Peliqueiro é a personaxe central, é a

“máscara” do Entroido do Concello de Laza, non é un disfrace é unha máscara. E, para os que escoitamos soar os chocos dende que estabamos no berce, ademais dunha máscara é un sentimento.

Máis dunha vez lle escoitei dicir aos meus tíos e curmáns: “Non é que me vista de Peliqueiro, é que levo o Peliqueiro na alma”

É unha personaxe sagrada, ao que ninguén pode insultar, hai un respecto moi grande cara el. Un bo Peliqueiro nunca se quita a careta e nunca se para na rúa. Cas súas correrías, saltos e xiros, facendo soar ao mesmo tempo os chocos, fan as delicias de todos os que para eles ollan, pero que ninguén se lle atranque diante senón atizarano ca zamarra (ou zarrampello), para que se aparte.

Tamén forman parte do Entroido de Laza outras personaxes moi importantes como son os Maragatos, as Formigas e a Morea. 


Non menos importante é o “testamento do burro” onde, aproveitando a suposta morte do animal, se fan unha composición por cuartetos onde se critican satíricamente os feitos políticos, relixiosos, sociais, de veciñanza ou de calquera outra índole, incluso os laios contra o infortunio, acontecidos o longo do ano anterior e sácase a luz pública calquera suceso que por pudor ou vergoña gardase algún veciño no máis estricto segredo.

O de vestirse de Maragatos ven a conto, porque antigamente viñan comerciantes da Maragatería de León ata o alto da Mourisca, lugar onde se facían as feiras da comarca para intercambiar, vender e mercar animais ou outros produtos, que logo de pasar días e días camiñando por vales e montañas, aguantando as inclemencias do tempo, chegaban a bisbarra de Laza, xa non só cansos senón que, cas súas vistosas roupas cheas de bulleiro e máis de unha vez esnaquizadas.




Logo, os veciños do lugar comezaron a imitalos semellando que eran Maragatos tamén. Saen ás rúas vestidos con roupas vellas e coa cara cuberta por unha máscara . Van entrando de casa en casa, simulando a voz para que os veciños non os recoñezan. En todas as casas son invitados a beber e a comer doces típicos do Entroido.


As formigas son recollidas uns días antes de grandes formigueiros que hai pola zona e metidas en sacos, agardando o momento máis esperado por algunha xente. É o momento de saír ca Morena e cas formigas, o Luns de Entroido. A Morena é unha cabeza de vaca feita en madeira. Da parte posterior sae un pao que se cobre cun cobertor ou manta que imita o lombo da vaca onde se esconde o home que a vai portando. 


A Morea dedícase a escornar aos homes e a levantarlle a saia ás mulleres, acto cunha forte connotación sexual, propio dos carnavais, no que todo vale e nada parece mal. Como di a canción:


Son voltas, son voltas
Son voltas do carnaval!!
E nada, e nada
E nada parece mal!!



O domingo, ca estrea dos Peliqueiros, reparto da bica e desfile de carrozas, o luns ca farrapada e saída da Morena e as formigas e o martes ca despedida do Entroido e lectura do Testamento temos un bo combinado de explosión festeira... o Entroido de Laza en todo o seu esplendor.










Verín



A “máscara” máis característica e arcaica do carnaval de Verín é o Cigarrón. O Cigarrón é a Verín o mesmo que o Peliqueiro é a Laza. E con iso xa volo digo todo.

O Cigarrón tamén é o personaxe principal do Entroido en Verín.

Hoxe en día o uso de caretas ou Máscaras varias é unha característica máis que define o Entroido verinés, onde xunto co uso da fariña e o Capuchón tan significativo o fan.


O Capuchón é unha especie de sotana negra ou de vistosas cores estampadas que cobre a cabeza cunha carapucha, mentres a faciana se esconde cun anteface, careta ou máscara. Segundo sinala Federico Cocho no seu traballo “O carnaval de Galicia”: “o Capuchón permite mirar de fronte a quen nunca nos atrevemos a mirar, ignorar o saúdo de compromiso que tanto nos custa, botar un baile con aquela moza apetecida sen se por rubio, gastar bromas ós solemnes da vila, ir doutra maneira. Ser simplemente un Capuchón, sen nome, apelidos, idade, sexo ou condición social”.


En Verín o día Grande e de maior intensidade é o Domingo de Entroido, onde as protagonistas da festa comezan xa cedo por ser as bombas e charangas. Logo a tan esperada hora do desfile de Comparsas, Carrozas, Máscaras e como non, o impresionante número de Cigarróns que percorren as rúas da vila ateigadas de xente, enchéndoos de vida, cores, ledicia, música e diversión.


Xinzo


Xinzo cambia de cara por completo durante o Entroido, ese é precisamente un dos trazos que caracterizan a festa. En segredo, a vila transforma a súa rutina nun espectáculo popular no que todo o mundo participa, e segundo o momento reborda humor, crítica, enxeño ou beleza.

En Xinzo o Entroido tamén se leva no sangue. Tradición que pasa de pais a fillos. Polo que contan a principal característica da xente de Xinzo, sobre todo nestas datas é o bo humor, a alegría e a risa, para quen vaia entroidar con eles está asegurada. Bo humor de todos e con todos que moi a presa se contaxia.

O principais personaxes do Entroido de Xinzo son as Pantallas e o Meco.

A Pantalla é a “máscara” do Entroido da Limia, constituíndo un dos símbolos de manifestación popular máis importante, onde o seu poder relixioso, xudicial e social queda manifesto. Súa saída as rúas nestas datas chega a sumar centos delas, o cal é ritual e tradicional.


Impoñendo a súa presenza nas rúas, as Pantallas, veñen sendo as encargadas de que todo o mundo se disfrace, polo que saen a perseguir a todo aquel que vai sen disfrazar. Levan na man vexigas de vaca secas, cas que golpean para facerse notar. Convértense neses días nas raíñas das festas e das rúas. Desfilan con magníficos gorros portando na cintura campaíñas e cascabeis que provocan un divertido e alegre son.

O Meco é unha figura con forma humana recheo de palla que dende o centro da Praza Maior ou dende o barrio de abaixo presiden todo o que vai acontecendo. Ca súa queima é o que se encarga de anunciar o fin das festas e fin do inverno.

As rúas de Xinzo vístense de cores e gracia cunha gran cantidade de Pantallas e multitudinario desfile de carrozas e comparsas, que xunto cas charangas e música de todo tipo percorren a vila durante todos os días do Entroido.




E despois de festas a esgalla e de comer e beber ata o limite, o mércores de cinza remata o Entroido e comeza a Coresma ... dura Coresma...

Rematan todos os días do Entroido con bailes e verbenas populares en toda Galicia, onde diversas Orquestras e Charangas amenizaron tanto ós veciños como ós visitantes e dende o corazón de Laza-Verin-Xinzo queda soando unha canción...

Ehi vai, ehi vai
Ehi vai o Carnaval...
Tan bonito como era
e deixámolo marchar... !!!!





No hay comentarios:

Publicar un comentario